Abrapalabra!, de Antón Cortizas, Carlos Coira e Jacobo Fernández

                                               Abrapalabra!

 Antón Cortizas, Carlos Coira e Jacobo Fernández

Galaxia, Vigo, 2010, 58 páxinas.

 
 Como un libro que incorpora moi heteroxéneos focos de atención preséntase este Abrapalabra!: un volume que chama a atención, inicialmente, polo seu arriscado deseño de gran tamaño editado a xeito de trípode, mais tamén, que dúbida cabe, pola unha concepción lúdica e didáctica que nolo achega ao xénero do libro de lecer.

Abrapalabra!, así pois, subministra na dimensión máis activa o material  que se pode denominar esencial para a práctica da maxia -barallas, caixas, moedas ou diversos elementos para os xogos- con sinxelas e claras explicacións ideadas por Carlos Coira, acompañadas por un atractivo traballo artístico debido a Jacobo Fernández. A isto xúntaselle unha orientación que, ao tempo, quere “entender a maxia que se agocha nas palabras”, ofrecéndose así unha achega moi salientable e acaída da man de Antón Cortizas, quen ofrece un compendio literario do moito que a linguaxe poética pode dar de si baixo unha perspectiva participativa, exhibindo así un enorme traballo que articula e rescata xogos visuais, adiviñas, trabalinguas e un longo etcétera de posibilidades que a poesía pode ofrecer.

Un proxecto moi interesante pola súa vertente lúdica e, abofé, galeguizadora.