Na presentación de “A neve interminable” de A. Fernández Paz

Constituíu un privilexio asistir onte á presentación da última novela de Agustín Fernández Paz na Casa do Libro de Vigo pois,  alén desa sorte de atmosfera afectuosa que sempre paira nas presentacións dos libros do autor chairego supuxo, sen que talvez ningunha das persoas que falaron o tivese en mente, unha magnífica oportunidade para falar arredor da relevancia e consolidación da literatura xuvenil entre nós.

   Ao fío desta idea Manuel Bragado apuntou o papel que protagonizou a colección “Fóra de Xogo” neste sentido, aludindo á presenza, entre outros, de orixinais de Xabier P. DoCampo ou do propio Agustín como factores decisivos na consolidación da colección, salientando o feito de que Cartas de inverno -32 edicións e preto de 90.000 exemplares até hoxe- constitúa un dos libros máis importantes da historia da editorial. Respecto deste último título subliñou, asemade, o diálogo sutil a vinculación que se rastrexa con A neve interminable pois ambos os dous “nacen dunha mesma raíz”, isto é, constitúen “libros de misterio sobre os medos, un dos grandes temas do ser humano”.

   Apuntou Bragado un dos grandes asuntos que circulan na novela e que logo rexurdiría na presentación con certa recorrencia, isto é, a homenaxe literaria que na novela se rende á xuntanza que, xustamente o 18 de xuño de 1816 (hai hoxe 199 anos) tivo lugar nunha casa perto de Xenebra, onde pasaban o verán na chamada Villa Diodati, onde xermolaron algunhas grandes obras de Lord Byron, Polidori ou Mary Shelley .

   Pola súa parte, Ledicia Costas, alén de dar lectura a un  texto inspirado na experiencia da lectura da obra que se presentaba mercé ao que afondou nos mecanismos que se activaron nese exercicio e o que foi descubrindo nas súas páxinas, abriu unha quenda de preguntas ás que Fernández Paz deu cumprida resposta e que xiraron arredor da arquitectura e a andamiaxe da novela, retomándose a relevancia dese encontro de grandes voces literarias arriba aludido no que hai unha recoñecida homenaxe neste libro. Falouse tamén de Bram Stoker e de Lovecraft, sobre a literatura de medo e de terror, arredor do feito de que estas pezas literarias adopten unha perspectiva de primeira persoa para dar conta da experiencia propia e ir creando unha espiral de cara ao agardado estoupido final, para volver –last but no least- a ollada cara á alquimia que xera a literatura infantil e xuvenil e reivindicar a súa necesaria presenza e cultivo.