A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine

Nuccio Ordine

A utilidade do inútil (tradución de Carlos Acevedo)

Faktoría K de Libros, Pontevedra, 192 páxinas, 10 €

 

 

O profesor e pensador Nuccio Ordine sistematiza un percorrido crítico sobre algúns aspectos do noso tempo desde a perspectiva da ditadura do utilitarismo e do beneficio en tempos de crise, axudado polo que nos debería ensinar hoxe a literatura, a filosofía e o humanismo en xeral.

O oxímoro que preside o título deste libro convida, inexcusablemente, a procurar unha interpretación en clave metafórica que, con todo, é doada de atopar: Ordine, empregando unha estrutura fragmentaria, devorca unha enxurrada de reflexións ao fío, xustamente, da relevancia que atesoura o que a sociedade considera inútil e faino cunha crestomatía compartida e comentada, se se quere un diálogo actualizado con outras voces, através de fragmentos colleitados en todas as ordes do saber humanístico.

      O libro, así pois, abraza un posicionamento radicalmente crítico contra o utilitarismo per se e articúlase como unha defensa belixerante e militante -de aí o termo «manifesto» que acompaña o título- dos saberes que representan as humanidades, mais tamén daqueloutros de xinea científica, pois non advirte contradicción no cultivo dos dous, apostando abertamente pola súa unidade.

     O ensaio estrutúrase en tres bloques que se abren coa denominada «útil inutilidade» da literatura, incorporando ao meu xuízo páxinas especialmente brillantes; ao que segue o que trata arredor dos efectos demoledores que a lóxica dos beneficios proxecta no ensino, na investigación e nas actividades culturais para, por último, ofrecer unha relectura de fragmentos dalgúns clásicos que evidencian os perigos do concepto de posesión e a desfeita que esta provoca na dignidade humana, no amor e na verdade, concluíndo cun esclarecedor ensaio de Abraham Flexner sobre a utilidade dos coñecementos inútiles de pasmosa actualidade malia ser publicado no ano 1939.

       Hai moito de filosofía neste libro, isto é, de amor pola sabedoría, mais tamén de amor polos libros e por quen os fan; moito de defensa da tolerancia e do coñecemento que estimula a imaxinación para camiñarmos cara a unha humanidade máis humana, para escorrentar os abismos posibles que simbolizan, sempre, a ignorancia e os fanatismos.

Esta recensión publicouse, nas páxinas do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 25 de setembro, baixo o título de “Unha humanidade máis humana”.

1 Comments

Os comentarios están pechados.