Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva

Inma López Silva

Aqueles días en que eramos malas

Galaxia, Vigo, 2016, 424 páxinas, 22,90 €

 

Imma López Silva esculca nas vidas de cinco de mulleres que reflicten o seu pasado e o seu presente, cinguidas por diversos relatos que se afincan ao que supón a carencia de liberdade.

Teño para min que López Silva cimenta esta nova entrega narrativa nun propósito que vai máis alá de asomarse, con ou sen asepsia pois todo sería lícito, ás biografías de cinco mulleres que coinciden no módulo de mulleres da prisión pontevedresa da Lama. Velaí, de mans dadas, unha prostituta e politoxicómana expulsada dos seus; unha inocente e tenaz moza colombiana; unha monxa que herda un pasado terrible e cumpre condena por roubo de bebés e  esterilización sen consentimento, unha particular funcionaria de prisións -quen sabe se a máis prisioneira de todas elas- e, por último, unha escritora bipolar acusada de tentativa de homicidio que responde ao nome de Inma. Vai máis alá porque esta última, introducindo suxestivas reflexións sobre o devalar do proceso de creación literaria, constrúe un mosaico coas teselas da ironía e a crueza para erixir, aos poucos, unha conseguida metáfora vital alicerzada nunha multitude de elementos como son o concepto da liberdade, as claves que dominan as relacións filiais, os límites da angustia, da loucura e a cordura se os hai,  as consecuencias que arrastran a soidade, as mentiras ou as medias verdades e, sobre todo, o sufrimento encarnado na pel das mulleres, acadado con limpeza mercé a reconstrución desas biografías maltratadas quer polas circunstancias, quer polas crenzas persoais ou a educación recibida, quer pola cegueira ou confianza cega depositada no xénero masculino desvelándose, tantas veces, como se activan os mecanismos da xustiza, da vinganza ou da ira.

         Ben difícil é non sentir unha liña de empatía con calquera personaxe deste retrato coral, mesmo coa Inma escritora, ese personaxe de ficción de tan forte personalidade que tanto desconfía das valoracións da súa obra nos suplementos culturais. Contra esa opinión, para min, esta é unha gran novela.

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 2 de setembro de 2016, baixo o título de “As feridas dunhas vidas”.

1 Comments

Os comentarios están pechados.