Paco Souto, o valor último das palabras

Agradezo ás páxinas de Cultura de La Voz de Galicia a oportunidade para publicar un pequeno texto de urxencia sobre a faceta literaria de Paco Souto. Deixo aquí memoria deste artigo -cun par de emendas- que un nunca quixera escribir nestas circunstancias.

 

Conflúe na escrita de Paco Souto, o poeta que nos arrebatou ese mesmo mar tantas veces recreado na súa obra, a súa faceta de activista literario en abondosos proxectos, algúns deles alentados por el como editor e outros como participante. Velaí o seu labor nas Edicións do Dragón –empresa editorial compartida cos poetas Fran Alonso e Miro Villar entre outros-, e logo nas Letras de Cal ou no selo editorial Caldeirón, onde se responsabilizaba –xunto con Paco de Tano- de editar os textos galardoados no premio de poesía erótica “Illas Sisargas”. Non esquezo esoutros proxectos interartísticos que incorporaban poesía, música, recitado ao vivo e ilustración nos que se mostraba entusiasmado como testemuñan os recentes Catálago e Proxecto Barro. Todo por xunto evidencia esa procura teimuda por explorar novos vieiros expresivos para a creación poética.

E Paco Souto tamén escribiu poesía. Foi, sempre será, desa estirpe de poetas para os que o mar e o amor son –case- todo. Péchase así, violenta e inesperadamente, un corpus poético que, alén das ducias de poemas soltos en publicacións compartidas, se conforma por As árvores do incesto (premio Espiral Maior, 1995), Fado (1998), Crebar cristais coa lingua (2003), As horas de María (premio Johán Carballeira, 2006) e por E alentar na túa rosa (accésit no premio Illas Sisargas, 2010), ao que cómpre engadir o que foi o seu derradeiro libro,  e teño para min que talvez a súa máis sólida incursión poética: e Caín (Laiovento, 2016), onde percorre as estremas da mitoloxía, do erotismo e do propio proceso da escrita con brillantez e madureza.

Souto percorreu sempre camiños marcados pola honestidade poética e por abrazar as técnicas do puimento, do traballo constante para recompor espazos e obter sempre o celme que estremeza e arrebate: “tachar é o verdadeiro traballo do poeta, espremer, torcer”, contoume un día para explicar as claves do seu traballo. Así fixo sempre alguén que entendeu a poesía como unha actividade que recuperase “o valor último das palabras”. Palabras, as súas, que sempre convocaban a vida para sentila, como hoxe se sente a súa ausencia.