Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz

Xabier Paz

Aníbal e a Pintora

Xerais, Vigo, 376 páxinas, 20 €

 

Tras RenacerAs vidas de Nito e A galera de Xelmírez retorna Xabier Paz ao primeiro plano da narrativa con Aníbal e a Pintora, publicación que non debería pasar desapercibida e que dialoga e complementa preocupacións temáticas que, en parte, estaban presentes na primeira novela amentada.

Esta proposta, abeirada a un xénero no que o autor se move con habelencia, nucléase arredor dos desexos de Aníbal Moreda que procura a verdade sobre a vida da pintora Artemisia Gentileschi, unha descuberta que realiza através das redes. Con todo, será outra man a que recolla o que Aníbal -devorado pola atracción que sentiu pola pintora e obsesionado polo cadro “Susana e os vellos“- escribiu para reproducilo exactamente ou mesmo para reescribilo e, en ocasións, rebatelo e contestalo. Deste xeito permitirásenos que vaiamos internándonos nese universo para focalizar o asunto central que se vincula, no fondo, coas paixóns nunha época, o século XVII, en que Roma se converte de novo no centro do mundo onde Artemisia comeza a pintar no obradoiro do seu pai. Páxinas que nos guían por un tempo no que os condicionamentos históricos e sociais configuran a presenza dunha artista que, violada por Agustino Tassi, o seu mestre de perspectiva e amigo do pai da pintora, maltratada tamén polo seu marido, despreciada dalgún xeito polo seu pai,  sempre loitou por ser unha muller libre, independente e dona do seu destino malia as penalidades que sufriu desde nena.

Hai varias novelas nesta proposta de Xabier Paz e, sen dúbida, a arquitectura que presenta é, para min, un dos elementos máis atractivos e esixentes para quen se achegue a ela. Non quero esquecer páxinas especialmente brillantes onde se atopan, por exemplo, tanto unha verdadeira enciclopedia de coñecementos no que atinxe á pintura e ás técnicas pictóricas -marabillosa unha pasaxe sobre a explicación dos frescos da Capela Sixtina- como esoutras reflexións sobre os debates intelectuais da época. Personaxes como Caravaggio, o propio Conde de Lemos, Buonarotti, Galileo… e asuntos como a propia escrita ou a arte pictórica conviven nunha novela onde non se dá as costas ás realidades da propia condición humana.

Unha novela escrita nun rexistro lingüístico brillante,  cun extraordinario coidado depositado no ritmo da prosa e que se alicerza nun poderoso proceso de documentación que se filtra e fonde na ficción con moito acerto. O resultado, para min, é moi positivo. Convido a coñecer esta última novela de Xabier Paz.