Caderno de fume, de Antonio García Teijeiro e Leandro Lamas

Antonio García Teijeiro

Caderno de fume (ilustracións de Leandro Lamas)

Embora, Ferrol, 46 páxinas, 14 €, 2018

 

Primeiro libro que se publica, se non estou errado, de Antonio García Teijeiro tras a concesión do premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Poemar o mar.

Abeirado, nesta ocasión, a un diálogo visual coas ilustracións, realmente fantásticas, de Leandro Lamas, García Teijeiro ofrece en Caderno de fume a reedición dun libro publicado hai case vinte anos e hoxe inatopable que contaba, daquela, con ilustracións de Xosé Cobas.

Non tiven oportunidade de cotexar ambas as versións mais dun ou doutro xeito, isto é, tanto se orixinal sufriu algún retoque ou engadido para esta edición como se non, o certo é que Caderno de fume encerra, se o valoramos coa perspectiva de hoxe, os máis dos elementos, temáticas e querenzas que logo agromarían na súa obra posterior.

O libro parte do aserto de que “o fume, como a palabra / espállase polo aire”. Palabra e fume difundida agora nun caderno que en ocasións fala en primeira persoa e noutras provoca a reflexión dirixida a quen le, mais tamén o divertimento e a suxestión a animar á propia escrita como exercicio gobernado pola fantasía e a imaxinación. Nesta formulación o libro ábrese ao que se poden considerar como trazos definitorios da poesía do autor, isto é, aquela que se goberna por unha intensa musicalidade á que se chega por multitude de recursos rítmicos. Neste contexto percorremos ciclos anuais da primavera ao inverno coma se se tratase dunha partitura musical alimentada pola potente presenza do territorio da natureza onde salienta o mar  -velaí os mariñeiros, as rochas, os mares…- mais tamén outros espazos a carón dos seres e elementos que a poboan. Hai tamén aquí outras chiscadelas que permito salientar como son o fermoso poema dedicado a Federico García Lorca, aquel que enxalza a figura de Rosalía de Castro ou o que vexo como relectura fantástica do “Monólogo” ferreriano: “Pasan que pasan os meses / amodo pasan sen máis, eu con eles vou pasando / porque me levan da man”.

Palabras de “luz e cristal” acollidas amorosiñamente nun libro que paga moito a pena ler ou reler.