Nosoutras, de María Victoria Moreno

María Victoria Moreno

Nosoutras (limiar de Xavier Senín)

Urco, 94 páxinas, 10 €, 2018

 

Nun día triste no que soubemos da intención de facer desaparecer un programa radiofónico tan imprescindible como é o Diario Cultural da Radio Galega, quixen acaroarme a unha publicación recibida hai apenas un día como é Nosoutras, de María Victoria Moreno: libro inserido nesa admirable vontade de recuperar e pór ao día a obra literaria dunha voz singular na que traballa arreo un pequeno, pero grande en intencións e perspectivas, selo editorial como é Urco.

Creo non errar na consideración deste libro como unha achega das máis relevantes que este ano nos vai, afortunadamente, deixando. Nosoutras é, desde xa, un libro fundamental que confirma a sorte que supón accedermos a unha palabra, á palabra literaria, de María Victoria Moreno. A entrega unifica unha serie de relatos que foron concibidos, agás o primeiro e que dá título ao libro pois este ten unha condición diferente e o derradeiro, que vén sendo un texto de circunstancias, na etapa en que a autora aínda non se incorporara ao discurso literario galego como fai publicamente a partir de 1973, aínda que contén un texto -“O aguinaldo” que puido ser a primeira incursión en lingua galega da autora. Son relatos, así pois, traducidos con moito sentido común e habilidade por Xavier Senín, como se sabe amigo persoal da autora e unha das persoas que máis traballou por manter viva a súa memoria, e que en liñas xerais afondan no sufrimento de mulleres, protagonistas as máis das veces, que sofren e padecen unha historia que agora alguén conta dándolles voz, e non unha voz calquera, senón unha voz refulxente e que as dignifica, e que tamén está contada con brillantez estilística exhibindo un rexistro marcado polo lirismo, ás veces, pola incorporación de novidades técnicas, por achegarse ás veces a un sorprendente discurso visionario e, sobre todo, pola contundencia e fluidez comunicativa, sen esquecer a beleza plástica destas achegas.

Unha das sorpresas que encerra o libro resulta o texto inicial que lle dá nome ao volume nunha decisión que entendo moi acaída. “Nosoutras” non resulta, en sentido estrito, un relato; máis ben é un texto -ata agora inédito- onde a autora reclama e reivindica un espazo propio para aquelas voces que, canda ela, camiñan no labor de dignificación da literatura xuvenil e infantil en lingua galega, como son Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández, Úrsula Heinze e a recentemente falecida Palmira G. Boullosa. O texto, que ben podía considerarse un manifesto -mesmo descoñecido polas autoras amentadas tal e como sinala o prologuista do libro- ilumina un labor que a propia Moreno considera inxustamente invisibilizado e que considera deste xeito: “Escribimos con decoro, integrámonos na literatura do noso pobo e non fixemos máis que comezar…”.

Parabéns por este rescate literario. Enche de orgullo ler un libro así, non teño dúbida.

2 Comments

  1. Inda que tiven a sorte de coñecer o texto inédito, é moi grato sentirse valorada por unha persoa tan singular, á que tiven a sorte de ter como amiga. Que se faga público é un feito que debemos agradecer a Urco Editora. Medren os libros e as editoriais en tempos tan difíciles para a nosa cultura. Graciñas, Ramón Nicolás por divulgar esta magnífica iniciativa.

    1. Sabía da vosa relación de amizade e dos traballos man a man con Suso. Foi unha sorpresa coñecer ese texto e, ao tempo, unha alegría dar co teu nome, xunto co de Palmira, Ana María e Úrsula. Unha moi forte aperta.

Os comentarios están pechados.