Nova Nursia, de Héctor Cajaraville

Héctor Cajaraville

Nova Nursia

Xerais, Vigo, 344 páxinas, 19 €, 2018

 

Decorreron pouco menos de tres anos desde que o escritor compostelán Héctor Cajaraville, naquel momento unha voz case descoñecida, conseguira o premio Xerais con De remate. Cajaraville trazou e traza un camiño brillante neste breve período de tempo, como talvez ninguén acadou na historia máis recente da literatura galega, como testemuñan as súas  catro novelas para un público adulto e outras tres para un lectorado máis novo, á espera de que o vindeiro outono vexa a luz Kusuma, coa que acaba de ser galardoado co  Premio Merlín de Literatura Infantil.

E unha desas novelas é Nova Nursia, nome co que se bautizou a maior misión católica que Rosendo Salvado fundou en Australia. Velaquí, así pois, unha proposta en que Cajaraville exhibe os seus dotes como narrador para reconstruír, coma se dunha película biográfica se tratase, a vida do bispo galego: un personaxe histórico que debería supor algo máis ca unha estatua en Tui ou a súa presenza no nomenclator de dúas rúas nas cidades da Coruña e Compostela. É, mesmo, ben posible que este libro axude a reformular a negra sombra que descansa sobre a súa memoria como introdutor do eucalipto en Galicia a través dunhas sementes que trouxo con el nunha das súas viaxes a Australia. Antes ben, penso que esta novela, alicerzada nun profundo e laborioso proceso de documentación respecto do que non se lle ven as costuras na súa composición, que conxuga cunha perspectiva de máximo respecto pola figura histórica, paira outra visión do misioneiro, mais tamén do investigador, aventureiro e descubridor, sen esquecer esa dimensión que sempre está presente cando falamos de seres humanos e das súas contradiccións.

Nova Nursia supón que, desde agora, vai ser difícil atopar unha desculpa para non achegarse,  coas licenzas que resultan lóxicas no xénero ficcional, á vida realmente novelesca que simboliza o seu protagonista. Un percorrido vital alimentado por múltiples viaxes, esperanzas, enganos e traizóns…, mais sobre todo coa perenne convicción de volver comezar cando é preciso e cun foco de atención singular, ao meu ver, que se nuclea na mudanza que se vai apoderando de frei Rosendo Salvado e que chega a deixar dalgún xeito a súa misión evanxélica nun segundo plano para abrazar a defensa dos aborixes, aos que se lles negaba mesmo a condición de seres humanos. Pero hai máis, moito máis nesta solvente novela que convido a coñecer.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 15 de xuño de 2018.