Fóra do normal, de María Reimóndez

María Reimóndez

Fóra do normal

Xerais, Vigo, 152 páxinas, 12,50 euros, 2018

 

Tivo que ser fermoso -estou certo que o foi- conseguir cun orixinal un galardón como o I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, por todo o que este implica, isto é, por perpetuar a memoria do autor que lle dá nome e pola relevancia que a temática abraza. Reimóndez acadouno coa novela Fóra do normal: un texto orixinal en canto ao seu contido, áxil en canto á súa arquitectura e que, como a miúdo ocorre nesta autora, mira ao noso arredor con outros ollos para converter en materia narrativa asuntos que están aí, en moitas ocasións situados na periferia, e que con convicción decide centralizalos para deitar unha visión diferente e que entendo como claramente propedéutica para abordar realidades, cotiás ou non, desde outra perspectiva.

Isto ocorre con esta historia protagonizada por André e as vivencias conflitivas que confesa derivadas do seu propio corpo e a súa identidade sexual. Teño para min que a novela, focalizada na identidade transxénero mais non só porque tamén se  desvía a ollada cara ao tratamento doutras identidades, ao concepto da heroicidade e ao conflito que pode xerar o propio corpo, constrúese en función dun alicerce fundamental como pode ser o respecto e a asunción da diversidade como eixe arredor do que debe xirar a propia vida. Neste sentido, a novela é dona dunha estrutura que funciona como a engrenaxe dun reloxo e cobra un sentido global cando os diversos elementos -situacións, tramas e protagonistas- conflúen ao asumir o anterior principio. Ademais, Fóra do normal xoga simbolicamente, e con acerto, co mundo do cómic -presente xa desde a magnífica cuberta de Antonio Seijas- pasando pola incorporación referencial de heroes e heroínas desde universo ata a arquitectura da propia novela na que se homenaxean certas convencións do xénero e onde o recurso ao humor é, asemade, un elemento que cómpre salientar alén da transparencia e verosimilitude patente tanto no que se refire á atmosfera en que os protagonistas se moven como aos seus propios discursos persoais, que loitan sempre.`por veces desde as dúbidas e incertezas en que están instalados, por crebar os estereotipos.

Precisamente no discurso de entrega do galardón que recaeu nesta novela Reimóndez afirmaba que “a calidade literaria é tamén un servizo ao humano, á xustiza e á igualdade”, tal e como citaba tamén Manuel Bragado no pregón da Feira do Libro de Vigo. Non dubido que así é porque Fóra do normal abraza, con emoción, esta fe transformadora na literatura no que talvez constitúa unha das achegas máis atractivas e salientables da autora neste xénero.