Lugar de incendios, de Paco Souto e Serxio Moreira

lugar-de-incendios-portada-tratada-peqPaco Souto e Serxio Moreira

Lugar de incendios

Caldeirón, Malpica, 20 €, 72 páxinas + cd, 2019

Emociona ter este libro-cd nas mans por moitas razóns. Unha delas, talvez a máis relevante, é que posibilita achegarse á palabra de Paco Souto, a esa palabra que, como quen non quere a cousa, nos transmitiu para todoo sempre cousas como “era Galiza / un país en paxes / na cabeza das mulleres”.

Lugar de incendios é un agasallo para os sentidos, polo que se ve e o que non se ve. O proxecto nacera entre Paco Souto e o músico Serxio Moreira e ambos os dous subscribiron, en 2009, un prólogo no que entendían o proxecto como un “catálogo de incendios” contruído con dúas ferramentas: “Aquí a lingua. O piano dos soños. // A vontade de sermos”.

En efecto, velaquí talvez un vello soño que Paco Souto non puido chegar a ver concretado en forma de libro pero que un grupo de persoas, devotas da memoria do poeta, e a pouco tempo de se cumprir un novo cabodano da súa morte, conseguiron materializar, incluíndo ademais un cd que incorpora vinte e catro intervencións poéticas de Paco Souto acompañadas da música de Serxio Moreira, gravado no 2009 e remasterizado agora para esta proxecto. Aquel espectáculo artístico e integrador que está na raíz desta publicación ía acompañado dunha exposición de cadros e ilustracións do propio Paco -nas que mesturaba lixivia e tinta chinesa- que tamén se reproduce aquí, a carón das partituras das músicas e, insisto, da voz de Paco Souto recitando as súas composicións.

Epilogado por Emma Abella e polas palabras dunha anónima editora, velaquí un libro que agroma desde as raizames do amor e a amizade: un libro vivo, operativo para reencontrarse co universo que Paco Souto sentiu, deseñou e escribiun para nós. Beizón!