As Letras Galegas en caricatura (1963-2020), de Héitor Picallo

101570391_3036337373069100_3375874232507091702_nHéitor Picallo

As Letras Galegas en caricatura (1963-2020)

Edición de autor, 36 euros, 2020

 

Tres anos de traballo de Héitor Picallo deitan nestas páxinas un resultado a todas luces magnífico e merecente de ser salientado.

As Letras Galegas en caricatura (1963-2020), unha publicación editada en cartoné e en gran formato -acompañada dun limiar a cargo de Fina Casalderrey e dun epílogo que subscribe Mercedes Queixas- ilumina con orixinalidade e pulso propio a celebración que o Día das Letras gozou desde o seu inicio até hoxe, ofrecendo un percorrido iconográfico que desde agora cómpre ter moi en conta.

Deste xeito, Picallo focaliza o seu traballo nunha lectura visual dos protagonistas desta singular iniciativa cultural. Para iso emprega a acuarela e a tinta chinesa maioritariamente, sen esquecer incorporar na súa composición material reciclado. Nos seus deseños non unicamente se espella o rostro ou o corpo de cadaquén senón que engade sempre pequenos detalles singularizadores da personalidade ou da obra das voces elixidas anualmente pola Academia.

Alén da reprodución da caricatura, Picallo agasállanos cunha sorte de escolma literaria a carón dunha precisa información de carácter biográfico e unha interesante sección -“Ars Memoriae”- na cal se deita información sobre as claves da representación artística de cada personaxe.

Non dubido que esta nova achega de Picallo supón un paso adiante no ámbito da iconografía destes sesenta nomes propios que constitúen unha parte substancial do noso patrimonio literario cultural, sen esquecer a súa inequívoca utilidade en diversos ámbitos didácticos. Unha proposta, en fin, coidada e meritoria que cómpre apoiar e difundir.