Contrahistorias de Galicia, de Antonio Reigosa (ilustracións de Rita Gutiérrez)

unnamedAntonio Reigosa

Contrahistorias de Galicia (ilustracións de Rita Gutiérrez)

Embora, Ferrol, 112 páxinas, 23,50 €, Ferrol, 2020

 

É probable que estas Contrahistorias de Galicia constitúan un dos libros máis salientables destes últimos meses no seu ámbito, a medio camiño entre o rescate histórico e a divulgación. Ao que, sen dúbida, contribúe acertada e atractivamente o corpus de ilustracións que correu a cargo de Rita Gutiérrez.

Antonio Reigosa, así pois, alicerza o seu proxecto nunha idea que é a de visibilizar un monllo de situacións ou personaxes propias do noso pasado que, por diversas razóns, ficaron arrombadas nas marxes da “historia oficial” ou, simplemente, ignoradas, reivindicando por extensión outra lectura do que nos aconteceu que non se constitúe só polos grandes feitos, antes ben, polo que simbolizan outras persoas que, malia poeira depositada na súa memoria, aí están. Velaí que cómpre agradecer tanto o labor documental que conduce ao autor a realizar unha escolma significativa desas personaxes ou situacións e contárnolas dun xeito ameno e fluído, non exento de certa e agradecía ironía de cando en cando.

É este un libro, a meu entender, para ler aos poucos ou para gorentalo de vez, que percorre os mitos das orixes, tan relevantes para constituír referentes da nosa propia identidade, e que logo vai repasando, a través de medidos fragmentos,  capítulos do máis heteroxéneo que van desde o torque de Burela ao crego que fabricaba robots ou a Alexandre Finisterre; do fuxido Curuxás a John Balan; da bandoleira Antonia Díaz ao Merlín cunqueiriano, dos amores entre Paraguazú e Caramurú a Eustorgia Acebo, o amor imposible de Pascual Veiga, entre moitos outros.

Dificil será non deixarse sorprender por algunha destas “contrahistorias” tan atinadas; difícil non facer unha descuberta dunha personaxe, dunha dato que se ignoraba. Gran traballo este que subscriben Antonio Reigosa e Rita Gutiérrez e gran traballo, asemade, de edición a cargo de Embora. Moi recomendable para todas as idades, non teño dúbida.