Illa Decepción, de Berta Dávila

Berta Dávila

Illa Decepción

Galaxia, Vigo, 148 páxinas, 15 €

Lendo Outlet de Antón Reixa dei cun verso, no poema “Círculo Polar Ártico”, no que alude á Illa Decepción. Activóuseme decontado na memoria o título do libro de Berta Dávila, galardoado co premio Repsol, que me parece unha das achegas máis destacadas entre as que deu a coñecer a autora compostelá.

          Dávila agasállanos cunha prosa envolvente e depurada que resulta imposible deixar de seguir. Abeirada ao recurso da non ficción ou da auto representación, recrea dúas tramas argumentais con inequívoca solvencia nun exercicio onde conflúen memoria e presente. Memoria porque, en boa parte da novela, particularmente a que me parece máis conseguida, a autora formúlanos ese interrogante que apela ás casas que habitamos ou que nos habitaron noutrora, ao que quedan delas en nós, ou ao que nós deixamos nelas, entrelazado cun rendible e suxestivo subtema relacionado cun mangado de postais de segunda man operativo para tentar descubrir o que se oculta tras esas liñas polas que pasaron tanto tempo. A segunda parte, da man de idéntica voz narrativa e ancorada no presente, explora as arestas do vínculo maternal e outros motivos de orde máis privada, en ocasións cun tratamento metáforico como cando repara nun xogo virtual de título homónimo ao libro. Velaquí un relato do tempo que o confinamento pandémico proxecta e que modifica a maneira que tiñamos de nos relacionar, mesmo de entender o mundo.

          Un libro escrito -seica- desde un pouso de sosego que enchoupa cada páxina e que constrúe, asemade, unha ricaz reflexión sobre o grao de influencia dos territorios ou espazos -en ocasións dos propios obxectos- na construción das identidades persoais e, xaora, sobre a propia literatura. Non en van afirma a autora que entende aquela como “erguer o relato do que nos pasa para situarnos dentro del”. Velaí o propósito acadado con creces nesa dinámica de ir rexistrando “acontecementos” e compartilos nun afortunado libro.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia, o 29 de xaneiro de 2021.