ADN do infinito e outros textos, de Claudio Rodríguez Fer

Recibín, hai xa algúns días, tres novidades subscritas polo profesor Claudio Rodríguez Fer das que me gustaría deixar constancia aquí. A primeira é a publicación, na serie “A tola soñando”, do poema “Pai meu (amén, camarada)” escrito polo poeta en 1999 e que se presenta nunha edición plurilingüe con versións a diferentes linguas, fotografías de Carmen Blanco e documento carcerario de Claudio Rodríguez Rubio procurado por Cristina Fiaño. Un poema perdurable e intenso, unha oración laica, de alento íntimo mais tamén de fondo reivindicativo e social, que se inspira no “Noso Pai” como Lamas Carvajal fixera, no seu día, co Catecismo do labrego (abaixo reprodúcese o videopoema que xa incorporara nesta bitácora hai algúns anos).

Asemade, aparece unha edición especial de Cinepoemas disposta para a XLIII Semana de cine de Lugo que é unha reprodución fidedigna da que Ouvirmos preparara no ano 2016 e da que igualmente me ocupei no seu día. Unha relectura do mesmo convénceme de que esta é unha das grandes propostas poéticas editadas entre nós que articula un punto de encontro, no seu día pioneiro, entre cinema e poesía.

Por último, o profesor lucense publica ADN do infinito, en Andavira Editora, nunha atractiva edición que conta con ilustracións de Sara Lamas, nadas ao abeiro do diálogo que establece coas figuras femininas prehistóricas da cultura cucuteni e como ben se advirte na reprodución rugosa que se incorpora na cuberta do libro. Presentado hai uns días na cidade de Lugo xunto co libro Vaga-lumes ao meio-día / Luciérnagas al mediodía do profesor Saturnino Valladares, o volume de Rodríguez Fer nucléase, afortunadamente e unha vez máis, arredor do amor e o erotismo, coa particularidade de que estas propostas están inspiradas nun percorrido realizado polo poeta por terras de Romanía. Unha sorte de caderno, así pois, que se estrutura en tres bloques baixo a denominación de “Xénese biopoética”, “Éxodo emboscado” e “Apocalipse alquímica”. Nelas latexan recorrentes referencias á cultura romanesa e, loxicamente abunda a presenza de voces salientables na poesía dese país como Eminescu ou Stanescu para, posteriormente, ir abrindo espazos e territorios diversos comos resultan as homenaxes tributadas a memoria de Emily Dickinson ou Pero Meogo e, finalmente, na derradeira parte do libro orientar os contidos poéticos cara á exploración total do amor e o erotismo con esa querenza indisimulada polo humanismo e pola cultivo da palabra como ferramenta operativa para cambiar o mundo, que tanto caracterizan a voz do poeta.