Os tardeiros, de Anita Brookner

Anita Brookner

Os tardeiros (tradución de Alejandro Tobar)

Hugin e Munin, Santiago, 320 páxinas, 15 €, 2022

Non sei se un é tardeiro por abordar a lectura desta peza, a primeira á lingua galega, de Anita Brookner (1928-2016) como é Os tardeiros, aínda non traducida ás linguas próximas e que comezou a distribuírse a finais do ano pasado. A insistencia cordial dun bo amigo levoume ás súas páxinas e o balance da lectura non foi infecundo. Os tardeiros (orixinalmente Latecomers  e publicada en 1988), que chega en excelente tradución de Alejandro Tobar, é unha novela que abraza unha escrita diferente, allea a modas e tendencias e que deixa un pouso vizoso e sorprendente pola multiplicidade de arestas que contempla e pola fervenza de sensacións que xera, de difícil sistematización aquí.

En esencia, a novela recrea a historia da amizade entre Hartmann e Fibich. Ambos os dous foxen da Alemaña nazi sendo moi novos e, sen familia e coa nenez arrebatada -no caso do segundo obsesionado polo baleiro que esa realidade ocasionou na súa vida-, instálanse en Inglaterra onde gozarán de anos de formación conxunta e de intereses profesionais compartidos ao dirixiren unha empresa común. Ademais,  aínda estreitarán máis os lazos que os vinculan logo de casaren e teren fillos.

En aparencia o argumento é sinxelo mais a escrita de Brookner abócanos, con meticulosidade descritiva, a atención aos pequenos detalles da vida cotiá, á continua translación de espazos exteriores e interiores, obxectivados con certa ironía e distanciamento grazas a unha prosa que se interna na mente dos propios personaxes para reconstruílos, ou amosalos, psicoloxicamente. Voces que en tantas ocasións están suxeitas á nostalxia, ás incertezas ou ás expectativas frustradas, tamén a reflectiren as vivencias do desasosego continuo e a relevancia que encerran as relacións persoais e o sexo. Velaquí a imparable constatación do paso do tempo nunha novela coral que deposita especial atención nese grupo de persoas que, en efecto, arrincan tarde pero logran sobreporse ás dificultades da vida con múltiples derivas argumentais que van desde a depresión ao amor, da beleza á identidade, do que é público ao que pertence á esfera da intimidade ou do valor que se lle outorga á memoria ás artes plásticas e á propia literatura. Imprescindible.

PD. Para as persoas interesadas recomendo a lectura desta nota, longa e documentada, do tradutor.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento Culturas, de La Voz de Galicia, o 25 de agosto de 2023.