A boneca de Blanco Amor, de María Xosé Queizán

María Xosé Queizán ofrece unha proposta narrativa heteroxéna con trazos novelescos, mais tamén ensaísticos, sobre Chile e a boneca de porcelana que Blanco Amor situou n´A esmorga.

 

María Xosé Queizán 

A boneca de Blanco Amor

Galaxia, Vigo,  160 páxinas, 14 €

Eduardo Blanco Amor publicou un magnífico libro de viaxes titulado Chile a la vista (1951), volume que proxecta un feixe de luz sobre esta obra de María Xosé Queizán, sen esquecer a que desprende, con tanta forza aínda hoxe, a propia A esmorga e a xusta presenza do seu autor entre nós este ano que conclúe.

      A boneca de Blanco Amor é un libro de libros: nel organízase o material narrativo en función do que denomina “revelacións”, isto é, unha suma de descubertas transmitidas e recreadas con Chile como pano de fondo: un país que se retrata con profundidade, entrelazando fragmentos ensaísticos que van desde a exposición de documentación diversa e a súa interpretación –velaí asuntos recorrentes na obra da autora como o feminismo ou a defensa da ciencia-, con outros inequivocamente ficcionais.

     Amalgámanse, así pois,  páxinas que analizan o que supuxo a chegada de Fernán de Magalhães ao país, pasando polas investigacións levadas a cabo por Darwin naqueles mesmos espazos ata a evolución do último porto da América austral chamado Punta Arenas para chegar, finalmente, ao deseño ficcional dun grupo de personaxes entre os que,  fortuitamente, se establecen unha serie de relacións, profesionais e sentimentais que, desde a Compostela na que o recordo do poeta romántico Aurelio Aguirre está moi presente, nos conducirán ao protagonismo dun fidalgo, Aurelio de Andrada, que correrá unha sorte diversa nas súas peripecias ata que simboliza a súa propia derrota nunha boneca de porcelana que trasladará ao seu pazo ourensán no que supón unha enxeñosa, e se cadra verosímil, chiscadela blancoamoriana.

Esta recensión, baixo o título de “Crónica e ficción con EBA ao fondo”, publicouse o 26 de decembro de 2014 nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia.