Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cando levanten as brétemas, de Josip Mlakić

Josip Mlakić

Cando levanten as brétemas (tradución de Jairo Dorado Cadilla)

Hugin e Munin, Compostela, 190 páxinas, 16 €

 

 

Velaquí unha novela fundamental para entender o conflito bélico dos Balcáns e a realidade de Croacia, construída desde unha perspectiva en primeira persoa que erixe un discurso sincero, esgazador e honesto.

Un personaxe desta novela afirma que cando a morte se converte nun animal de compañía as persoas inmunízanse contra a propia morte. Para saber deste proceso cómpre adentrarse en Cando levanten as brétemas, do escritor e guionista croata Josip Mlakić, en impecable tradución realizada desde o croata por Jairo Dorado que incorpora ao galego unha voz aínda non traducida a ningunha lingua peninsular.

      Velaquí, así pois, unha baixada aos infernos da guerra, unha visión esgazadora e transparente que chega da man dos escritos que realiza o seu protagonista, Jakov Serdar, a quen lle recomendan que escriba o que el queira como parte dun tratamento terapéutico. Deste xeito nacen un total de vinte e catro textos, chamados co acerto «imaxes» pois é doado advertir nelas unha inescusable vinculación cinematográfica, cando menos, na tensión narrativa que as domina. A través destas imaxes constrúese unha crónica, unha confesión en voz alta e faise desde un punto de vista inusitado como é o de alguén que participa nun océano de morte que experimenta en carne propia. Serdar, con todo, é un soldado instruído e transmite o seu espírito crítico, como bo lector que é, ao esculpir con claridade a realidade da que forma parte, sen tabús de ningún tipo. Na súa visión non acusa nin absolve a ninguén; tampouco non procura perdón ningún porque prioriza o relato, sen unha estrita orde cronolóxica que tampouco é necesaria, das claves da súa propia supervivencia e, nese abismo, conta as consecuencias que supón estar vivo.

     Alén do relato máis substantivo, aquel que percorre os horrores da guerra, é esta unha novela preñada de voces da literatura, da música, do cine e da arte croatas, converténdoo nunha invitación a saber máis daquel país que vai alén da guerra, alén das brétemas e alén dos pesadelos.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 22 de xaneiro de 2016 baixo o título de “Alén das guerras e dos pesadelos”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: