De Valdeorras a México. Terra a Nosa! Pequena biografía de Florencio Delgado Gurriarán, de Polo Correo do Vento

Polo Correo do Vento

De Valdeorras a México. Terra a Nosa! Pequena biografía de Florencio Delgado Gurriarán (ilustracións de Tania Solla)

Lela Edicións, Pontevedra, 32 páxinas, 6 €, 2021

Alegroume recibir este novo proxecto de Lela Edicións e de Polo correo do vento que transita por ese obxectivo centrado ene ofrecer pequenas biografías ilustradas de voces literarias propias, con especial operatividade para divulgar ese patrimonio literario de noso nas idades máis temperás.

O volume xúntase ao máis recente que coñezo centrado en Lueiro Rey, xunto con outro da colección Mulleres galegas que se dedicou á figura de Xela Arias e, cos ollos postos no protagonista do Día das Letras 2022, ocúpase da figura de Delgado Gurriarán e conta, igualmente, cunha interpretación e apoio plástico a cargo da ilustradora Tania Solla.

Velaquí, así pois, un sintético e operativo traballo que aproxima a personalidade, a biografía e mais a obra literaria de Delgado Gurriarán ao lectorado máis novo. En pouco máis de trinta páxinas sintetízase e ilumínase o seu intenso percorrido biográfico con fragmentos extraídos da súa obra poética. Da man deles e das pertinente explicacións narrativas percorremos os espazos máis significativos que habitou -de Valdeorras a México como ben se subliña no seu título- e tamén se desvelan as súas paixóns literarias, a doutrina ideolóxica que abrazou desde mozo e aquelas experiencias vitais que determinaron o seu futuro como foron a guerra civil e o exilio.

Tal e como se sinala nun poema seu cando fala da “xacarandá que teima en estoupar” ese estoupido final que achegue a Delgado Gurriarán bota a andar, para as persoas máis novas e non só, grazas a esta iniciativa que tan operativa e ben feita me parece. Parabéns!

1 Comments

Os comentarios están pechados.