O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso

Miguel Ángel Alonso Diz (texto) – Luz Beloso (ilustracións)

O valente coello que quixo soñar

Nova Galicia Edicións, Vigo, 2015, s/p, 14,50 €

 

 

Primeiro chegou O cullarapo Croque, tempo despois A nena á que non deixaban ser feliz, logo O soño de Esther e agora O valente coello que quixo soñar. Catro proxectos literarios e visuais de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso. Catro achegas circulando no mercado, centradas no lectorado máis novo e que, se os datos que manexo non menten, se converteron nos últimos anos en propostas de lectura dun apreciable número de persoas. Non dubido que a conxunción de textos concibidos con vagar, a carón dun corpus de ilustracións coloristas e atractivas, son as razóns do evidente éxito destas propostas mais non é menor o labor de promoción e divulgación que autor e ilustradora levan a cabo non como unha obriga senón como un acto de responsabilidade diante dunha creación artística na que se cre convicción e, en moitas ocasións, ter fe naquilo que un fai é moi importante.

       Valla todo este preámbulo para centrarme xa n´O valente coello que quixo soñar, prologado cunha atinada composición realizada ad hoc por Helena Villar Janeiro. Desde o punto de vista literario non é difícil percibir un paso adiante na traxectoria de Alonso Diz na asunción de que a literatura infantil é todo un reto e, ao meu ver, neste título procura constantemente a interacción e participación oral coa historia que se conta, evidente desde a adopción do recurso ao conto contado, pasando polo emprego de numerosas onomatopeas até acaroarse á utilización dun ritmo poético claro e de doada memorización.

     A historia é, en aparencia, sinxela e nela recréase metaforicamente tanto o concepto de afouteza como o do respecto que merece a decisión de continuar un camiño ou de seguir o ronsel dun soño que, neste caso ese coello valente decide proseguir, pase o que pase e sexa este estraño, inverosímil ou mesmo, nese universo con arrecendo a fábula no que se insire, ollado con frialdade ou escepticismo por quen se vai atopando no seu percorrido, malia que tamén nesa viaxe á procura do descoñecido, haxa quen entende e comparte ese soño.  O protagonista, ao cabo, non fai outra cousa que abrazar, para a súa vida, unha variante do “eu tamén navegar”, para ser talvez serea talvez capitán nunha “cuncha sideral”. Parabéns por este novo proxecto e moita sorte na súa andaina.