Logo de case seis meses de botar a andar, e tras uns días axeitando a nova casa, este caderno da crítica instálase na comunidade de blogaliza, aínda faltando algúns detalles por arranxar, que se tentarán resolver nos vindeiros días.

Vaian pois,  os meus agradecementos a Alfredo Ferreiro por prestarme a súa xenerosa colaboración para esta  mudanza e as miñas desculpas polos inconvenientes que este cambio poida causar. Premendo aquí estaredes no novo lugar. Grazas!

O 15 de marzo, Suso Díaz e Mari Paz, responsables do programa radiofónico “La Voz en Espiral”, que se emite cada martes, de 18 a 19 horas en  Radio Forum de Mérida, e que pretende difundir o feito poético e literario en xeral cun programa que conxuga poesía, música, lecturas e entrevistas, ofrecéndose posteriormente a quen lle interese a través de podscasts que permiten  acceder a estas gravacións desde calquera lugar da rede, convidáronme para manter un diálogo sobre aspectos poéticos e biográficos de Álvaro Cunqueiro, por mor do centenario do seu nacemento.

Quixo a fortuna que este programa acollera, na súa primeira parte, unha interesante entrevista con Pere Gimferrer, que recomendo moi vivamente, na que fala sobre Cunqueiro e, loxicamente, sobre a súa propia obra.  Pódese escoitar a entrevista a través do blogue  do programa onde, ao tempo, aparecen referidos algúns dos contidos que se trataron.

Moitas grazas aos responsables desta iniciativa tan pouco común nestes tempos, e parabéns tanto por esa teimuda vontade que exhiben á hora de espallar e difundir a poesía como pola especial sensibilidade que amosan para as nosas letras, desde Mérida.

A poeta galega Déborah Vukusic con Suso Díaz e Mari Paz nunha gravación

Jacques Prévert (Mordicai Gerstein, ilustracións e Fernando Moreiras tradución)

Para facer o retrato dun paxaro

Faktoría K de Libros, Pontevedra, 48 pp., 2011, 14 €

Todo un modelo, ao meu ver, esta proposta que exemplifica como chegar a crear un  fantástico casoiro entre un extraordinario poema, cunhas non menos valiosas ilustracións, de xeito que ambas as dúas creacións artísticas conflúen nun memorable libro para primeiros lectores, nesta ocasión vertido á nosa lingua grazas ao traballo desenvolto por Fernando Moreiras.

Jacques Prévert

O poema, o único poema segmentado que ocupa boa parte deste álbum ilustrado, vén da man do poeta, dramaturgo e guionista cinematográfico Jacques Prévert, talvez máis coñecido entre nós tanto por ser un dos participantes nese xogo artístico que se denominou “cadáveres exquisitos“ como por moitos dos seus poemas, que se converteron en letras de cancións de diversos músicos e cantautores. Con todo, esta composición poética, orixinalmente escrita en 1943 e dedicada a Elsa Henríquez por mor dunha exposición artística, sobarda as fronteiras da literatura de circunstancias e convértese, hoxe máis que nunca, tras a súa publicación orixinal en 1949 por Editions Gallimard, nunha reflexión sobre a arte pictórica e a súa función primordial, mais tamén sobre os valores e a dimensión do fuxidío e da recorrente,   case enfermiza, intención por apreixalo, apostando por outras realidades como o imaxinativo, o fantástico, a sorpresa ou mesmo a propia paciencia nun, inevitable, contexto de arrecendo surrealista.

Por outra banda, o traballo de Gerstein non queda atrás do texto que interpreta e acompaña ofrecendo unha versión de filiación realista e colorista, cunha máis que interesante proposta que solventa con éxito a transición entre diversas dimensións visuais.

Toda unha garantía este libro, que non dubido en cualificalo como moi recomendable.

Jack Mircala (tradución de Isabel Soto)

Lóbrego Romance, Pálida Pantasma

El Patito Editorial, Compostela, 2010, 48 pp., 13 €

 

Aparecida no mercado hai algúns meses chego un tanto tarde a esta publicación, editada con extraordinario coidado pola compostelá El Patito Editorial, e non me resisto a deixar aquí constancia da miña satisfacción tras a súa lectura. Basicamente por tres razóns que expoño decontado.

A primeira ten que ver pola descuberta, serodia,  dun autor como é  Jack Mircala, que se corresponde ao nome ar­tístico-literario de Fernan­do Gómez Díaz, quen xa no ano 2000 gañara o Premio Lazarillo de ilustra­ción. Mircala comunica con convicción, tanto gráfica coma literariamente, un mundo creativo dotado  de grande atractivo e eficiencia.

Jack Mircala

A segunda vincúlase co desenvolvemento das dúas novelas gráficas -Contos do castelo de Maldavia e Verlián e o talismán extraviado- que aquí se ofrecen xuntas e nas que, a carón do expresionismo plástico que domina as ilustracións, agroma un universo espacial moi solvente chamado  Malvadia, operativo para adentrarnos nun mundo que beirea as fronteiras do romántico e o gótico e no que unha voz narradora, con evidentes chiscadelas a Edgar Allan Poe, irá reparando nas singularidades deste territorio de xeito que coexisten, cunha máis que evidente naturalidade, ecos de arrecendo lendario, sombras espectrais golpeadas polo amor, idilios frustrados, unha curiosa lameira apestada e un bico envelenado; depositando nos obxectos, que se envolven con diversas posibilidades máxicas, as claves para o desenvolvemento narrativo ao que contribúe a atención prestada ao recurso da oralidade, que tan bos resultados deita.

A terceira razón, e derradeira, fai referencia ao excelente labor de tradución levado a cabo por Isabel Soto, que consegue unha tonalidade fluída e acaída para o verniz gótico-romántico dos relatos. Tres razóns, ao meu ver, que sosteñen un moi atractivo libro.

Xabier P. DoCampo (ilustracións de Xosé Cobas)

O misterio das badaladas

Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2011, 144 pp., 11,50 €

 

Van xa vinte e cinco anos desde que Xabier P. DoCampo publicara este libro que agora ve a luz de novo, nunha edición revisada polo autor e acompañada nesta ocasión por unhas suxestivas e extraordinarias ilustracións de Xosé Cobas. Foi este o primeiro libro de DoCampo e nel xa se atopaban as esencias de todo o que logo o autor nos veu ofrecendo ata hoxe. Un grande éxito da literatura infantil e xuvenil desde aquela que, a meu entender, cómpre ler ou reler tanto polo acaído da súa intriga e da súa estrutura como polos acertos expresivos e, abofé, porque trata aos lectores como seres intelixentes, sexan estes mozos ou non, o que xa non é pouco.

Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas

 

Este texto publicouse nas páxinas de cultura de La Voz de Galicia, na sección “recomendacións”, o 14 de marzo de 2011, baixo o título de “O misterio galego por excelencia”.

Carlos G. Reigosa

A agonía do león. Esperanza e traxedia dos escapados

Edicións Xerais de Galicia, Vigo,  352 pp., 2011, 22 €

 

Quen sexa afeccionado á historia, á recuperación da memoria de períodos ou de personaxes máis ou menos significativos ou escurecidos polo paso do tempo, mais tamén para quen queira achegarse ao que se podería entender como unha solvente e estimulante narración que semella de ficción, aínda que non o sexa, cargada de vigor e ganduxada cos mellores fíos posibles que pode ofrecer tanto o xornalismo como a propia creación literaria, penso que se poden felicitar porque A agonía o león. Esperanza e traxedia dos escapados, o último libro en lingua galega do xornalista e narrador da Pastoriza Carlos G. Reigosa, premiado na súa versión castelá co galardón internacional Rodolfo Walsh de literatura testemuñal en 1996, representa, sen dúbida, todo un acerto ao situarse na encrucillada destes dous camiños.

Camiños andados que se benefician dun inxente traballo de documentación, tanto en forma de investigación bibliográfica como no que atinxe á recolla de información procedente de testemuños de carácter oral, o que lle outorga ese interese engadido a través do que se desvela, por vez primeira,  a memoria de quen viviu, na proximidade ou en primeira liña, feitos lembrados que dalgún xeito tamén co-protagonizaron, se se quer evocacións dun tempo afastado pero requiridas cando aínda estas asomaban con receo e proviñan de espazos recónditos que nunca querían ser visitados.

Carlos G. Reigosa

Malia o dito, ou talvez por iso, outra das características do libro, e non menos relevante, cífrase nunha aliaxe heteroxénea de diferentes elementos que o constitúen, isto é, A agonía do león ben se pode ler como un capítulo substantivo, e pouco difundido, da historia recente, mais tamén nunha parte esencial como unha novela ou como crónica de acontecementos esgazadores derivados da guerra do trinta e seis…, mesmo como unha reflexión comprometida sobre a supervivencia e a violencia, sen esquecer esa posibilidade de achegarse a el como a plasmación dun retrato de La Cabrera, ese espazo situado no noroeste da provincia de León, no límite con Zamora, que adquire unha categoría especial xa non unicamente como un espazo senón case como personaxe máis, tal é a forza determinante dese lugar onde se agachou moitos anos o protagonista deste libro formando parte do maquis… O protagonista, aínda non se dixo, quen permite todas esas posibilidades de enfoque, foi unha persoa de carne e óso: Manuel Girón Bazán, quen a fin de contas posibilita que a través de vinte capítulos poida asistirse á evolución das súas reviravoltas biográficas; un home que, desde o seu oficio de campesiño verá interrompida a súa rutina cotiá por mor da guerra para converterse, logo de cumprir como soldado na fronte de Asturias, nun guerrilleiro antifranquista con elevadas capacidades intuitivas e que vivirá os seus  longos e derradeiros quince anos envolto nunha espiral de fuxidas cara adiante, librando sempre batallas desiguais.

Obra poliédrica, así pois, prologada de xeito maxistral por Manuel Leguineche, e que entendo de elevado interese non só para os afeccionados á historia e aos seus retallos perdidos, como sinalaba ao comezo, senón tamén para os que o son ao xornalismo literario e de investigación.

 

Baixo o título de “Un relato da historia recuperada” este texto viu a luz no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia o 12 de marzo de 2011.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.